Posprodución de son

MÓDULOS RELACIONADOS: CONTROL, EDICIÓN E MESTURA DE SON

Posprodución de son

Mesturar en directo non é todo en son: ás veces queremos que o produto final teña unha elaboración fina e coidada. Para iso, no mundo do audio contamos con plataformas de edición dixital (DAW) que nos permiten procesar o noso proxecto dun xeito detallado e medido a través de software informático.

O manexo destas plataformas multipista será unha parte moi importante na aprendizaxe reservada para o segundo curso do ciclo. Mesturas de música, dobraxes e inserción de efectos sonoros en creacións audiovisuais son os traballos que deberá realizar o alumno para a súa correcta preparación de cara ao mercado laboral.

Estes traballos realízanse en equipos informáticos modernos, coa axuda de tarxetas capturadoras de son externas e monitores de campo cercano por cada equipo. Unha sala de gravación insonorizada, con cabina independente para o control técnico, completa o espazo destinado a este eido.